O mar quece

O mar quece
O quecemento dos océanos. As medicións en auga superficial (ata 700 m, liña negra e barras de erro) indican un quecemento indiscutible nos últimos quince anos (media, liña vermella); porén, hai algúns períodos (por exemplo, 1995-1998, e 2003-2005) de temperatura estable, e mesmo de lixeiro arrefriamento. A liña azul sinala as medicións en augas profundas, ata 2.000 m, e indicaría que as zonas abisais dos océanos están empezando a quecer.

Como os grandes almacéns de calor que son, os océanos inflúen de xeito decisivo no clima. Primeiro imos comprobar que, en efecto, a hidrosfera está a quecer, e logo imos estudar dúas consecuencias deste cambio. Tocante ao primeiro, na páxina 101 da Unidade Didáctica 1 inclúense datos sobre o quecemento dos mares que bañan Galicia. Aquí, a figura recolle os datos globais máis recentes, que deron lugar a unha certa polémica.

A variación anual da temperatura das augas superficiais é importante, e durante algúns anos non se produciu quecemento; no entanto, o quecemento das augas profundas, que reciben moi pouca influencia térmica da atmosfera, parece significar que o conxunto da masa da hidrosfera está a experimentar xa os efectos do cambio climático.