A primeira chuvia: cando a Terra arrefriou por debaixo duns 300oC, o vapor de auga da atmosfera condensouse, formando mares nas depresións.
Tan afeitos estamos a ver o mar, que nos parece que debeu de estar sempre aí. Mais non é así: coma todo, os mares tiveron un comezo. Cando se formou, a Terra era un sitio moi quente; tanto, que durante varios millóns de anos estivo cuberta por completo de lava e envolta por unha atmosfera varios centos de veces máis densa que a actual.
Pero xa sabemos que todos os corpos quentes arrefrían. Cando a temperatura do noso planeta baixou un pouco, o vapor de auga da súa atmosfera transformouse en auga líquida e depositouse sobre a superficie, que xa era sólida. Desta primeira choiva, que durou varios milleiros de anos, naceron os océanos.