Choivas durante unha tormenta tropical no aeroporto de A Habana.
A modo de resumo podemos dicir que nun territorio as precipitacións poden estar causadas por fenómenos atmosféricos locais, ou ben por fenómenos relacionados coa dinámica da circulación atmosférica a grande escala.
Así, nas zonas temperadas do planeta, as precipitacións están causadas principalmente polas frontes que, procedentes dos océanos, entran nos continentes e producen as choivas.
Nas zonas ecuatoriais (como nas pluvisilvas), a importancia dos fenómenos de circulación atmosférica a grande escala é máis secundaria e as precipitacións dependen máis das condicións locais, como a capacidade de evapotranspiración das plantas da selva, que funcionan como unha verdadeira bomba de auga dende o solo cara á atmosfera, e que teñen unha grande importancia na aparición de nubes locais cun importante desenvolvemento vertical que é a causa das precipitacións que se producen practicamente a diario.
Outras veces é frecuente unha combinación de ambos os factores. Por exemplo, na meseta ibérica as choivas no inverno aparecen asociadas ao paso de frontes procedentes do océano Atlántico, namentres que as tormentas de verán se asocian moitas veces a fenómenos de forte evaporación causados pola calor, ou ás choivas orográficas ocasionadas pola condensación da auga no aire ao topar o vento cunha montaña, ascender o aire pola súa ladeira, arrefriando, condensando a auga e creando unha nube local que dá lugar a unha precipitación de tipo tormentoso.
Naquelas zonas onde as frontes procedentes dos océanos non poden penetrar, ou onde non se dan as condicións locais para a aparición de nubes e precipitacións, aparecen os desertos.
Unha paisaxe desértica.