Ao cruzar esta fronteira de auga atopamos mundos ben distintos á Terra, Venus e Marte. Por exemplo, Urano e Neptuno, que están formados case totalmente por auga, e algúns satélites dos planetas xigantes que teñen superficies que están formadas case sempre por xeo. As densidades da maioría destes corpos son pouco maiores que 1, polo que supoñemos que no seu interior tamén predomina a auga. Europa, que orbita arredor de Xúpiter, presenta unhas paisaxes que recordan as dos mares xeados da Terra cando chega a primavera e a cuberta de xeo empeza a rachar. A única explicación deste fenómeno é a existencia en profundidade dun océano subterráneo. Este tería máis de cen quilómetros de espesor e o seu volume triplicaría a suma de todos os océanos da Terra.
Este caos de bloques xeados na superficie de Europa sería imposible se non houbese un océano subterráneo baixo o xeo.