Si, 470ºC é bastante máis temperatura da que nos fai desexar un bo baño na praia. O problema é que no noso planeta veciño hai ben pouquiña auga; de cada millón de moléculas da atmosfera só 30 son de auga (na Terra poden chegar a ser 4 de cada 100). Venus é un deserto superseco e abrasador. Pero inda así, moitos científicos cren que, como no planeta dunha das preguntas do principio do capítulo, en Venus houbo outrora grandes océanos, meirandes mesmo ca os da Terra.
Algunhas sondas espaciais que penetraron na atmosfera de Venus puideron medir en detalle a composición desta. E, como adoita pasar en Ciencia, atopáronse con sorpresas. Esas escasas moléculas de auga que hai na atmosfera non son iguais que as que existen na Terra, senón que son moito máis ricas en deuterio. Xa vimos que no noso planeta só hai un átomo de deuterio por cada 6.660 de hidróxeno: pois en Venus hai un deuterio por cada 240 hidróxenos.