A proporción de deuterio a hidróxeno é cinco veces maior ca na Terra. A explicación máis sinxela é que tamén Marte tivo un océano, que despois se evaporou.
A superficie do planeta está cortada por centos de leitos de auga secos, de varios tipos diferentes. Uns, con moitos afluentes (Figura A), aseméllanse aos ríos terrestres. Outros, en cambio, atravesan chairas nas que parece que nunca choveu (Figura B). Algúns máis puideron ser escavados non por auga senón por xeo (Figura C). Os máis espectaculares tiveron que ser escavados por ríos xigantescos, moito meirandes ca os maiores ríos terrestres (Figuras D e E).
Figura a. Rede fluvial en Marte. Todo o terreo está cuberto por leitos de auga secos Figura b. Leitos en Marte. A chaira intermedia apenas está erosionada. |
|
Figura c. Leitos de auga de fondo plano en Marte. Quizais as liñas paralelas sexan equivalentes das morenas, liñas de bloques soltos típicas dos glaciares terrestres. |
|
Figura d. Arriba, leito de auga marciano formado nunha grande inundación; abaixo, formas parecidas producidas na praia de Carnota (A Coruña) ao baixar a marea |
|
Figura e. Comparación de Kasei e Ares, os dous maiores leitos marcianos, co Amazonas, o río máis caudaloso da Terra. |
Os maiores destes leitos acaban nunha gran depresión de varios quilómetros de profundidade que ocupa o terzo norte do planeta. Moitos científicos pensan que alí houbo un océano (que chamaron Oceanus Borealis, o océano do norte) cunha profundidade media de case 600 metros. Unha das probas é que a depresión está cuberta por sedimentos, que puideron ser depositados pola auga.
Case todos estes leitos de auga son moi antigos, o que indica un ou varios períodos de clima húmido na historia primitiva de Marte: foi nestas épocas cando existiría Oceanus Borealis. Así e todo, tamén hai leitos formados hai poucos millóns de anos, e mesmo pequenos corgos formados nos últimos anos.
Corgos en Marte. O feito de que non haxa cráteres de impacto significa que se formaron hai moi pouco tempo (igual que un moble sen rabuñaduras non pode ser demasiado antigo).