Onde esta a auga de Marte

Figura 5.1

Onde está agora a auga que escavou os leitos e depositou os sedimentos? Velaí a grande incógnita de Marte, que se vai desvelando paseniño. Descubriuse que no subsolo do planeta existe unha gran cantidade de xeo, que forma ata o 90 % do terreo no norte do planeta. Así que unha parte importante do antigo océano está aínda alí, conxelado e cuberto por po transportado polo vento. O resto evaporouse e perdeuse no espazo.

Os científicos cren que o Marte primitivo tiña auga líquida e unha atmosfera densa de gases de invernadoiro (CO2 sobre todo), pero que esta última se perdeu por mor da baixa gravidade do planeta (a masa de Marte é só o 10 % da terrestre).

Figura 5.2

Ao se perder a atmosfera e, xa que logo, o efecto invernadoiro, a temperatura do planeta caeu en picado: unha parte da auga converteuse en xeo e o resto evaporouse e perdeuse no espazo.

Puido xurdir vida en Marte durante o seu período húmido? En teoría si, mais non hai datos para coñecermos a probabilidade deste proceso. Nos momentos finais, cando a auga líquida estaba a desaparecer, as súas características eran moi hostís para a vida: habíase parecer máis a un ácido saturado de sal, onde se disolvería en poucas horas calquera organismo vivo.