Este movemento da auga na Terra implicou dende os seus inicios un cambio de estado debido ás diferenzas do quecemento solar, sendo o estado líquido o máis evidente. Este capítulo vaise centrar nos mecanismos que provocan o movemento da auga tanto a nivel global como a nivel rexional.
O feito de que o fluír continuo dos ríos cara aos océanos co paso do tempo non se tivese manifestado en forma de subida do mar, levou a idear o primeiro ciclo hidrolóxico. Non obstante, este ciclo que hoxe consideramos tan intuitivo e simple seguiu un camiño complexo na súa construción como modelo. A idea de circulación aparece no Renacemento, pero curiosamente vincúlase a unha circulación polo interior da Terra, totalmente apartada da atmosfera.
Ese primeiro modelo que se aplicou para explicar a circulación cíclica da auga, supoñía que esta se afundía cara ao interior da Terra en determinados puntos dos océanos, circulando polo seu interior ata o cume das montañas. Alí rexurdiría cara á superficie, en forma do nacemento dos ríos.
Con todo, co auxe do método científico atopáronse importantes debilidades, relacionadas principalmente coa dificultade de xustificar a presión hidrostática que dera razón do ascenso e a non coincidencia no grao de salinidade da auga do mar e do río.