Derretemento do permafrost por aumento de temperatura.
O motivo é que o quecemento global actual comezou a derreter o permafrost baixo un chan que, antes de estar xeado, era firme e que agora, co desexo en profundidade, volveuse inestable e incapaz de termar do arborado. En Siberia xa está afectada unha área de aproximadamente un millón de quilómetros cadrados, o que ademais de poñer en perigo este bioma, supón un risco para o incremento do quecemento global. Esta posible contribución ao cambio climático débese a que a cantidade de carbono almacenado nestes solos pode desestabilizarse coa desconxelación ao poderen descompoñer os microorganismos unha materia orgánica antes inaccesible para o seu metabolismo ao estar permanentemente conxelada, pasando o carbono á atmosfera e retroalimentando así o quecemento global.
Nas rexións de climas temperados, temos os bosques temperados, con variantes mixtas con mestura de especies de folla caduca e perenne, como ocorre nas nosas fragas (figura foto dunha fraga). Estes bosques requiren de temperaturas medias e de elevadas precipitacións. Vense favorecidos naquelas rexións temperadas nas que son frecuentes os pasos de frontes que deixan abundantes precipitacións.
Estes biomas son a manifestación dunha pauta no reparto das precipitacións, tendo en conta as temperaturas que caracterizan as latitudes nas que se manifesta. Unha das preocupacións do quecemento global é a diminución de precipitacións, ou a presenza torrencial destas, que pode provocar inundacións. Segundo os datos dos que dispoñemos, no último século as precipitacións incrementáronse a nivel global case un 20%, o que é coherente cun escenario de quecemento global. Con todo, o aumento non se reparte homoxeneamente por todas as rexións, subindo nunhas rexións e diminuíndo noutras. Xa que logo, os biomas actuais pódense ver alterados polo cambio climático.