Modelo simple da circulación atmosférica despreciando a continentalidade.
Como a auga que nos chega á Terra o fai en forma de precipitación, para abordar algún tipo de modelo que permita comprender a súa distribución e predicir daquela como lle pode afectar calquera cambio no sistema climático, debemos recorrer a buscar un modelo de circulación xeral da atmosfera.
Ese modelo sería moi sinxelo, se a Terra non xirase e, ademais, a súa superficie fose regular. De ser así, a circulación explicaríase dunha forma moi doada cun modelo de cela continua que se desenvolvería dende o ecuador (superficie de baixas presións) ata os polos (superficie de altas presións). Un modelo tan simple implicaría unha circulación continua onde o aire quente iría arrefriando en altura cara aos polos, e descendería logo para volver pegado á Terra a ocupar a zona de baixas presións do ecuador, onde quecería, iniciando de novo o ascenso. Desta forma, na nosa latitude o vento sopraría cara ao sur no hemisferio norte, e estariamos así recibindo constantes ventos do norte. Obviamente, no hemisferio sur ocorrería o contrario.
A presenza de núcleos de altas e baixas presións cambiantes, que á súa vez provocan o cambio da orientación dos ventos e a formación de borrascas, contradise con este modelo global tan simple. Non obstante, si é certo que a maior insolación a nivel do ecuador provoca o ascenso do aire, porque a súa densidade diminuiría debido á dilatación térmica, e o aire frío máis denso pasará a ocupar o seu lugar.