Modelo xeral de circulación atmosférica.
Tendo presente entón a diferenza de insolación ligada á latitude e ao efecto da aceleración da forza de Coriolis, podemos establecer un modelo xeral que nos permita categorizar as rexións planetarias polas probabilidades das súas precipitacións, que, en combinación coas súas temperaturas medias estacionais, darán lugar a determinadas grandes rexións climáticas que, pola súa banda, van presentar unhas adaptacións climáticas singulares nas súas comunidades, cuxa caracterización queda integrada no concepto de bioma.
Situándonos no hemisferio norte (no sur as orientacións ocorre o contrario pola forza de Coriolis) para unha descrición do modelo, o aire ascende no ecuador debido á elevada insolación, producíndose así unha zona de baixas presións ecuatoriais. Ese aire que ascende nas zonas ecuatoriais diríxese polas capas da atmosfera con dirección NE, regresando á superficie terrestre cara aos 30o de latitude, onde se sitúan as zonas de altas tropicais.
A partir desa latitude, diríxense cara ao leste en dirección de latitudes superiores, formándose os clásicos ventos de poñente frecuentes nas latitudes medias correspondentes ás zonas temperadas. A orientación cara ao leste supón que nas nosas latitudes sentimos que o vento nos vén do SO, que se estende ata a zona de baixas subpolares, situadas en rexións en torno á latitude 60o. Xa que logo, as celas de circulación nas latitudes medias están comprendidas aproximadamente entre os 30o e os 60o de latitude.
Por baixo da latitude de 30o o vento flúe sobre a superficie dende os trópicos ao ecuador, en sentido contrario, polo que nesas latitudes se percibe que os ventos veñen do NE e se coñecen como alisios. Estes ventos cérranse en altura con outros ventos que completan as celas que, no caso da dos alisios, se denominan contra-alisios, que sopran en dirección SE, que completa a cela das latitudes baixas, entre a latitude 0 e a latitude 30. A terceira cela configúrase dende as baixas subpolares ata o polo, interpretando así a formación das altas polares.