Por outra banda, sabemos tamén algo moi importante: que moitas estrelas, se cadra a maioría, teñen planetas en órbita. Actualmente coñécense xa máis de cincocentos planetas que xiran arredor doutras estrelas, e aos que se lles puxo o nome de exoplanetas.
No ano 2009 descubriuse un exoplaneta que parece estar cuberto por completo de auga. A súa masa é case sete veces maior que a da Terra, e o seu océano ten centos de quilómetros de profundidade. Os planetas que son meirandes que a Terra pero menores que os planetas xigantes (lembra: no Sistema Solar, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno) chámanse superterras; e, se neles abunda a auga, superterras oceánicas. Moitos científicos cren que este tipo de planetas pode ser mesmo máis favorable para a vida que a propia Terra.
Baixo unha atmosfera de hidróxeno e helio, o exoplaneta GJ1214b está composto sobre todo por auga.