Avanzamos uns poucos millóns de anos para buscar respostas. A medida que a estrela empeza a emitir máis enerxía, a nosa molécula favorita empeza a encontrarse máis incómoda preto dela. A auga arrédase da estrela e deposítase lonxe: no Sistema Solar en formación creouse a “fronteira da auga.”.
Volvemos ao presente. Os científicos planetarios chámanlle liña de neve a esta fronteira e explícana cun exemplo sinxelo: cando abrimos as xanelas dun cuarto que estivo quente durante a noite, os cristais da xanela énchense de gotas porque a auga prefire as superficies máis frías.